Triángulo de Amor Bizarro, bandas de rock e o Gran Hermano galego

Café Derby 21 - Ein Podcast von Café Derby 21

O rock está morto ou iso din os máis seguidores do xénero, comunmente os que romantizan anos dourados e grupos extintos desatendendo ao panorama actual e rexeitando calquera idea sobre que algo presente, do agora, sexa tan bo como o pasado. Son os clásicos. Tanto é así que a mesma xente repítese en radios, emisoras menos mainstream, playlist de plataformas e un longo etcétera conformando ese corpus único que son: os clásicos. É dicir, as bandas máis potentes e que aínda, con milleiros de millón de fans, reivindican como minoritarias ou non famosas. Que cansado todo isto. Para rachar coa idea de clásicos e de lendas do rock esta semana contamos con Isa Cea, membro de Triángulo de Amor Bizarro, unha banda definitoria no rock e música alternativa en Galicia e no panorama español. Falounos da súa traxectoria e os inicios, desas guitarras golpeadas sen tino e da pouca fe na súa contorna sobre o futuro da banda. Tamén nos desvela a Los Jíbaros, ese estado previo a Triángulo que puido ser e non foi. Tivemos tempo para repensar o misticismo arredor do rock e de que nos contase como compoñen, innovan e revolucionan na música coas súas letras, melodías e conceptos, algo que fan desde máis dunha década. Entre anécdotas e opinións moi claras, levámonos unha panorámica do que era o ambiente artístico nos inicios e do que chegaron a acadar hoxe en día, o status de xigantes.